Thursday 25 de April de 2024

A Xunta licita a nova planta de transferencia de residuos de Curtis por 1,36 M€ co obxectivo de que entre en funcionamento o próximo verán


― A intención é substituír a actual microplanta por outra nova de maior capacidade e que ademais da bolsa negra, tamén poida tratar a amarela e os biorresiduos

― Trátase dunha das 17 infraestruturas previstas polo Goberno autonómico para apoiar ás entidades locais no cumprimento dos obxectivos da UE en xestión de residuos

― Ángeles Vázquez subliña que máis de 2,1 millóns de galegos disporán dunha planta de compostaxe ou dun centro de transferencia a menos de 50 km do seu domicilio

A Xunta de Galicia acaba de licitar por un orzamento base de 1,36 millóns de euros o contrato para a construción dunha nova planta de transferencia de residuos no concello de Curtis coa intención de que poida entrar en funcionamento o próximo verán.

Durante unha visita esta mañá ao polígono de Teixeiro, onde se localizará a futura instalación, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que o obxectivo é substituír a microplanta actualmente existente neste concello por unhas novas instalacións con máis capacidade de tratamento e unha maior funcionalidade xa que poderá recibir e xestionar diferentes tipoloxías de residuos .

Proxectada nunha parcela de case 8.000 m2, a futura planta dará servizo inicialmente aos concellos de Sobrado e Vilasantar ademais de ao de Curtis, aínda que o seu uso poderá estenderse a outros municipios —ata un total de 15— xa que ten unha capacidade de transferencia máxima de preto de 17.000 toneladas ao ano.

Neste sentido, a conselleira lembrou que a Unión Europea fixou para finais de 2023 a obriga para os concellos de ter implantada a recollida selectiva dos chamados biorresiduos a través do quinto contedor, o de cor marrón. Por este motivo e para axudar aos entes locais a avanzar cara a este obxectivo, a Xunta está a impulsar distintos proxectos e infraestruturas que faciliten o cumprimento dos criterios comunitarios de eficiencia, sostibilidade e eficacia en materia de xestión de residuos.

Precisamente, Ángeles Vázquez explicou que a planta que acaba de saír a licitación forma parte da “rede” proxectada pola Xunta para garantir que “un total de 280 concellos e máis de 2,1 millóns de galegos” dispoñan dunha instalación de compostaxe de biorresiduos ou dunha planta de transferencia a menos de 50 km.
En canto ás características da futura instalación, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, explicou que contará cunha nave de 600 m2, unha zona verde duns 1.300 m2 e os seguintes elementos: un compactador fixo, unha báscula, un sistema de translación con capacidade para tres contedores, un aparcamento de contedores, un edificio destinado a oficina, vestiario e almacén, e varios paneis solares para autoconsumo da planta, fomentando así as enerxías renovables xa que será a fonte principal da que se fornecerán as instalacións.

Toda esta dotación permitiralle transferir, ademais dos residuos contidos na bolsa negra —é dicir, a convencional, na que non hai separación e a única que pode recibir a día de hoxe a microplanta de Curtis—, aqueles depositados no contedor amarelo —envases de plástico, latas e briks procedentes da recollida selectiva— e a fracción orgánica que se recolla a través do contedor marrón, residuos que, neste caso, serán enviados posteriormente á planta de compostaxe de Cerceda, xestionada por Sogama.

Pola súa parte, o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, destacou que grazas a esta actuación “se mellorarán os servizos” que presta o concello e ademais “suporá un abaratamento” dos custos. “Por iso temos o compromiso coa Consellería e con Sogama de colaborar para facer realidade unha infraestrutura que é vital para dar cobertura a estes servizos e mellorar a xestión local, que para nós é prioritario”, declarou.

35 millóns comprometidos
En total, a Xunta de Galicia ten previsto actuar en 17 instalacións dedicadas á xestión e tratamento de residuos —algunhas delas de nova creación e outras xa existentes— cun investimento comprometido de 35 millóns de euros.

Entre as actuacións proxectadas cómpre subliñar as catro plantas de compostaxe de biorresiduos, unha por provincia, das cales a de Cerceda xa está operativa e as outras tres —previstas en Cervo, Vilanova de Arousa e Verín— atópanse en fase de redacción dos proxectos construtivos e pendentes das correspondentes autorizacións ambientais.

Así mesmo, tamén se actuará sobre 13 das 37 plantas de transferencia que conforman a rede na que se apoia Sogama. En concreto, en sete delas habilitarase unha tolva específica para a materia orgánica dos residuos domésticos —actualmente en fase de estudo dos proxectos técnicos—, e en canto ás seis restantes, son microplantas que nuns casos cambiarán de lugar e noutros melloraranse e ampliarase a súa capacidade.

Este é o caso das plantas de transferencia da Lama e de Cee, ambas licitadas xa e que cambiarán de sitio pero dentro do mesmo polígono, e tamén das futuras instalacións de Curtis e de Ponteceso, na que se está a redactar o proxecto básico construtivo.